O Concello da Coruña foi un dos 121 municipios e territorios seleccionados polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (MITMA) como proxecto piloto para a implantación da Axenda Urbana Española (AUE) no ámbito local en consonancia coa Axenda 2030 da ONU (Oganización das Nacións Unidas) e os ODS (Obxetivos de Desenvolvemento Sostible).

Para a elaboración desta Axenda Urbana é fundamental contar cunha ampla participación cidadá. Por este motivo, desde as últimas semanas veñen habilitándose diversas vías para a participación, como son os encontros participativos que se celebraron nos diferentes barrios da cidade, as mesas de traballo e a enquisa online.

Tras a celebración destes encontros participativos, agora chega o 1º Foro Urbano, que consistirá nun encontro de segunda volta de carácter eminentemente propositivo ao que vos queremos convidar. No mesmo, poderedes coñecer as principais conclusións que se puideron identificar na diagnose inicial. Así mesmo, será un espazo para o debate e para a recollida de propostas respecto ás necesidades e accións que precisa a nosa cidade para avanzar cara o futuro de maneira sostible a través dunha Axenda Urbana pensada para todos e todas.

Este terá lugar o martes 28 de xuño ás 18:00 no Centro Ágora, e é conveniente que confirmedes a vosa asistencia cumprimentando este formulario . De todos os xeitos, a asistencia é libre ata completar o aforo.

Agradecemos se, ademais, podedes difundir esta información entre aquelas persoas que consideredes que poden ter interese no desenvolvemento sostible da Coruña.

Para calquera consulta podedes contactar a través do correo electrónico acoruna2030@coruna.gal ou por teléfono no 010, ou acceder á páxina web https://acoruna2030.com/

* Proxecto cofinanciado polo Fondo Europeo Next Generation EU