O Concello da Coruña, a través da Concellería de Deportes, oferta 261 prazas de actividades das Escolas Deportivas Municipais que se desenvolverán dentro das instalacións deportivas xestionadas directamente polo concello e no complexo deportivo de San Diego. Desde o Servizo de Deportes apuntan que algunhas destas prazas son para completar os grupos de actividades que comezaron en outubro, e outras son para a creación de grupos novos. O prazo de preinscrición comeza hoxe ás 08.00 h e remata o 20 de outubro ás 14.00 h.

A edila de Deportes, Mónica Martínez, sinala que “o obxectivo do Goberno local, con este incremento da oferta de prazas, é promocionar a práctica da actividade física e deportiva na veciñanza, así como favorecer hábitos de vida saudables”. Martínez asegura que, ao mesmo tempo, nas “escolas deportivas velamos polas condicións de seguridade e hixiene de todas as persoas que participan nestas actividades, atendendo sempre á nova normalidade derivada da Covid-19”.

As novas actividades, que comezarán en novembro de 2020 e finalizarán en maio de 2021, están dirixidas a persoas da cidade da Coruña que non teñan concedida na actualidade ningunha actividade das Escolas Deportivas Municipais. Entre estas, destacan: un programa de lombo san, que se realizará na Cidade Deportiva de Riazor en horario de mañá de luns a venres; actividade de pilates e ioga no polideportivo dos Rosales, tamén en horario matutino; xogos predeportivos para nenos e nenas con idades comprendidas entre os 6 e 11 anos; baile deportivo e bádminton para maiores de 18 anos; e marcha nórdica con tres puntos de saída diferentes.

Desde Deportes destacan que terán preferencia para obter unha praza as persoas empadroadas na cidade. En segundo lugar, tamén poderán acceder as persoas que traballen ou estuden na cidade. Cada persoa só poderá obter unha praza en primeira convocatoria.

No caso de que queden prazas libres, haberá unha oferta libre no mes de decembro que se publicará na páxina web de Deportes. Nesta oferta libre poderase conseguir, de ser o caso, outra praza.

As bases reguladoras da convocatoria pódense consultar na páxina web de Deportes (www.coruna.gal/deportes).