O Concello da Coruña, ante a demanda da cidadanía, reforza con 7.475 prazas en distintos espazos da cidade a súa oferta de campamentos para que as familias concilien mellor. Música, deporte, ciencia…

As persoas interesadas poderán formalizar a preinscrición de forma telemática do 27 ao 29 de maio. Formaranse grupos dun máximo de 15 participantes e terán preferencia as e os nenos empadroados no concello e con pais e nais traballando ou teletraballando, tamén as familias monoparentais.

Benestar Social, o Consorcio para a Promoción da Música, Deportes, Educación, IMCE, Museos Científicos e OMIC ofrecerán actividades motivadoras para que as cativas e cativos e mocidade de 4 a 17 anos pasen as vacacións aprendendo e xogando á vez.

TODA A INFORMACIÓN AQUÍ

Condicións de participación

Preinscrición: 27, 28 e 29 de maio

Listas de preinscritas/os: 30 de maio ás 10.00 h, nas webs municipais e 010

Posibles reclamacións das listas de preinscritas/os: 30 e 31 de maio e 1 de xuño

Sorteo: 3 de xuño. Consultar en cada centro o seu horario.

Listas de persoas admitidas e de espera: 9 de xuño ás 10.00 h, nas webs municipais e 010

Inscrición e aboamento da cota: 10, 11 e 12 de xuño

Xestión das listas de espera: do 13 ao 19 de xuño

Inicio dos campamentos: a partir do 22 de xuño ou 1 de xullo, en función de modalidades e espazos, segundo a oferta específica de cada servizo.

A preinscrición será telemática e facilitarase axuda telefónica a través do 010. Formación de grupos de máximo 15 participantes, sempre en cumprimento das medidas que as organizacións responsables das actividades de lecer educativo xuvenil deberán implementar con carácter xeral, ademais de aplicar as prescritas polo Ministerio de Sanidade.

Terán preferencia as/os empadroadas/os no Concello da Coruña e aquelas/es cuxos proxenitores estean ambos traballando ou teletraballando e no caso de familias monoparentais.

 

Prevención da COVID-19

Control e prevención da transmisión da COVID-19:

  • Valorarase pormenorizadamente a posibilidade de participación. Non se permitirá a participación de persoas que pertenzan a grupos de risco, ou que convivan con grupos de risco: diabetes, enfermidade cardiovascular, incluída a hipertensión, enfermidade pulmonar crónica, inmunodeficiencia, cancro en fase de tratamento activo, mulleres embarazadas, maiores de 60 anos.
  • Estableceranse medidas para a protección específica de todos os grupos vulnerables e de risco social en función das súas necesidades específicas.
  • En todos os casos garantirase o cumprimento de protocolos de seguridade (medidas persoais de hixiene e prevención obrigatorias); así como a intensificación das tarefas de limpeza e desinfección dos espazos e materiais.
  • Os/as educadores/as e as direccións dos campamentos velarán pola seguridade da actividade mediante o control diario da declaración de saúde de cada participante á entrada nas instalacións, o adecuado cumprimento de todos os protocolos e normas de seguridade establecidos; e, se fose necesario, o control da temperatura dos/as participantes.
  • Os/as pais/nais ou titores dos/as participantes deberán responsabilizarse da súa situación particular fronte á COVID-19, de tal forma que se algún presenta sintomatoloxía asociada coa COVID-19 non acudirá e contactará co/a educador/a responsable da súa actividade.