Dende a Federación de Asociacións Veciñais de A Coruña e Área Metropolitana, queremos lembrarlle á veciñanza a prohibición da limpeza e sacudida de alfombras, roupa doméstica ou calquera outro obxecto polas fiestras, tal como establece a Ordenanza de Xestión de Residuos Municipais e Limpeza Viaria do Concello de A Coruña.

Estas actuacións non so repercuten na hixiene e pulcritude das rúas, senón que amosan unha falta de civismo e de respecto cara ó resto da veciñanza. Sobre todo, nos tempos que vivimos, onde a Covid-19 nos obrigou a mudar as nosas costumes e rutinas, sendo máis necesario que nunca coidar máis o noso entorno e contribuír a mantelo limpo.

Non entendemos que, a día de hoxe, aínda haxa persoas que non respecten estas normas cívicas básicas, como son a de sacudir alfombras, manteis, sabas, etc. polas fiestras, pero tamén ó feito de botar as cabichas dos cigarros ou os chicles ó chan.

Vivir en comunidade implica cumprir unha serie de normas de convivencia, non só porque o indique unha lei determinada ou vaiamos a ser sancionados, senón por propio sentido común, educación e consideración cara ás demais persoas. Non deberíamos de esquecernos de que non é máis limpo o que máis limpa, senón o que menos ensucia.

Dende a Federación de Asociacións Veciñais de A Coruña e Área Metropolitana convidamos a todas aquelas persoas que detecten ou observen este tipo de comportamentos nos demais a denunciar esta incívica situación, pois debemos esixir ser respectados e que se cumpran as normas; é un traballo de todos e para todos.