A alcaldesa, Inés Rey, acordou onte co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, impulsar diferentes proxectos de interese para A Coruña, como a construción do novo complexo hospitalario co que “sentamos as bases do futuro sociosanitario da cidade”.

A alcaldesa apuntou que o convenio sobre o hospital asinarase este mes, co fin de “ampliar un hospital que xa é unha referencia en Galicia e no Estado, para o dotar de máis medios materiais”.

A actuación comezará pola reforma do primeiro edificio, para o que o Concello desbloqueará a súa licenza nos vindeiros días, co fin de iniciar a fase cero. Deste xeito, Rey e Feijóo sinalaron que neste mes iniciarase a traza destas obras no edificio xa operativo e que terán un prazo máximo de execución de 14 meses.

CENTRO DE SAÚDE DE SANTA LUCÍA

Por outra banda, desbloqueouse a posta en marcha das obras no Mercado de Santa Lucía para trasladar, por fin, o ambulatorio de Federico Tapia á praza de abastos. Un proxecto, apuntou a alcaldesa, que incluirá a remodelación do mercado para localizar o centro de saúde mais que tamén recollerá un centro cívico para o barrio.

FUTURO DO PORTO

Abordaron a situación do porto interior da Coruña, sobre o que a alcaldesa sinalou que é importante traballar de forma conxunta co resto das administracións públicas co obxectivo de facer un porto viable economicamente e recuperar os espazos para a cidade.

RESIDENCIA DE EIRÍS

Esta infraestrutura daralles acubillo a 150 persoas e empregará a outras 140, cun investimento de 15 millóns de euros sufragados pola Fundación Amancio Ortega.

INTERMODAL

Por outra banda, ambos os dirixentes apuntaron a necesidade de impulsar a estación Intermodal e iniciar deste xeito, en marzo, as obras. Concello e Xunta acordaron executar os traballos da estación de autobuses e o aparcadoiro subterráneo como unha única peza cun investimento de 27,5 millóns de euros, dos que 10 millóns serán achegados polo Concello.

ALBERGUE DE PEREGRINOS/AS

Concretaron tamén a construción dun novo albergue na cidade co que impulsaren o Camiño Inglés, polo que desde a Xunta se instou o Concello a seleccionar unha localización.