A Real Academia Galega celebrou onte o Día das Letras Galegas que este ano dedica a Ricardo Carballo Calero (Ferrol, 1910 – Santiago de Compostela, 1990) cunha homenaxe ao pé do que foi o seu fogar en Santiago de Compostela, na rúa Carreira do Conde.

O acto consistiu nunha sinxela ofrenda floral debido ao estado de alarma declarado pola pandemia de coronavirus. A Real Academia Galega celebrará o pleno extraordinario do 17 de maio o vindeiro 31 de outubro, cadrando co cento dez aniversario de Ricardo Carvalho Calero e agardando que para aquela data as circunstancias sexan máis propicias. A cita mantense no teatro Jofre de Ferrol, cidade onde o homenaxeado naceu.

Deixámosvos o enlace á web da RAG para consultas: https://academia.gal/inicio

OUTROS CONTIDOS RELACIONADOS:

Portal das Palabras, a web para a divulgación do léxico galego da Real Academia Galega e a Fundación Barrié, ofrece outro xeito de se achegar á figura de Carvalho Calero. Esta semana dedícalle as sete entradas da sección A Palabra do Día e pechará a miniserie de setestrelos sobre a súa obra de ficción

A web Primavera das Letras naceu no ano 2016, coa celebración das Letras Galegas de Manuel María, e dende entón a súa audiencia medra ano a ano. Pero en pleno confinamento e coas escolas pechadas, reforzouse como espazo de referencia para o público infantil. Atoparedes materiais para colorear para os nenos e nenas de menor idade, contidos descargables –tamén con ilustracións orixinais– sobre a vida, a obra de creación literaria de Carvalho Calero ou o seu labor como filólogo, entre outros contidos.