A Asociación de veciños “Os nosos lares” de Palavea convoca o primeiro certame de relatos breves “A ERBEDA”.

Estes premios xorden co obxecto de fomentar o interese pola creación literaria e a lectura, tanto en adultos coma nun público infantil e xuvenil, recuperando, asemade, a conexión entre o barrio e o topónimo literario creado por Emilia Pardo Bazán para referirse a Palavea. É este nome, A Erbeda, o que designa o certame que, conectando coa traxectoria da escritora coruñesa, se centra nun xénero concreto da súa obra: o relato breve. Desta forma, esta proposta de certame quere ser un humilde estímulo á creatividade literaria, á lectura e á cultura do libro e a literatura. Ao mesmo tempo é un recoñecemento da dimensión literaria do barrio, que serve tamén como unha posta en valor cultural do mesmo, tanto polos veciños como para o resto dos coruñeses.

PARTICIPACIÓN

Poderá participar calquera persoa na categoría correspondente segundo a súa idade.

CATEGORÍAS

Categoría A: ata 14 anos.

Categoría B: a partir de 15 anos.

SOBRE OS RELATOS

Os relatos, de tema libre, deberán ser textos de creación propia e inéditos escritos en lingua galega.

Cada relato poderá ter unha extensión máxima de 1.000 palabras, título incluído.

Cada participante poderá presentar ata tres relatos diferentes. Non se poderán presentar traballos cos que se concorra a outros certames.

PREMIOS

Concederase un premio por cada categoría

Categoría A. Un lote de libros da libraría Moito Conto por valor de 120 euros e unha escolma de publicacións da Real Academia Galega.

Categoría B. Un lote de libros da libraría Xiada por valor de 120 euros e unha escolma de publicacións da Real Academia Galega.

NORMAS DE ENVÍO DOS RELATOS

Os relatos poderán ser presentados de dúas maneiras:

Enviando un correo electrónico ao enderezo electrónico osnososlarespalavea@gmail.com co asunto Certame de relatos “A Erbeda” + a categoría que corresponda (A ou B)+Pseudónimo, e acompañado dos seguintes documentos en formato .doc, .docx ou similar:

Documento A. Nomearase co Título do relato e conterá o texto do microrrelato (título incluído) sen a sinatura do/a autor/a e baixo un pseudónimo.

Documento B. Nomearase do seguinte xeito: Título do microrrelato+Pseudónimo, e conterá os datos persoais da persoa concursante: nome e apelidos, enderezo postal, correo electrónico, teléfono e DNI.

  1. B) Facendo entrega dunha copia dixital de ambos os documentos indicados no subapartado anterior na sede da Asociación de veciños “Os nosos lares” (Mercado Municipal s/n, Palavea – A Coruña). Horario usual de apertura: luns e venres (18:00-20:00 horas).

No caso de que o concursante sexa menor de idade, xuntarase a maiores unha autorización asinada polo pai, a nai ou o/a titor/a legal cos seus datos correspondentes.

PRAZO

O prazo para participar no certame permanecerá aberto das 00:00 horas do 23 de novembro ás 23:59 horas do 23 de decembro.

XURADO

O xurado estará formado por 4 membros: o docente e dinamizador cultural Javier Pintor, o escritor Fernando Ontañón, e por parte da asociación “Os nosos lares”, Álvaro B. Pérez Sancho, vicepresidente e socio organizador do certame, e Ana Santomé Estévez, tamén en calidade de secretaria do xurado.

O xurado poderá conceder mencións especiais ou declarar deserto calquera dos premios. A decisión do xurado será inapelable.

PUBLICACIÓN

As/os gañadoras/es dos premios autorizan expresamente a Asociación de veciños “Os nosos lares” de Palavea a publicar e divulgar os seus nomes e os contidos das súas propostas no momento en que o xurado faga pública a decisión.

A Asociación de veciños “Os nosos lares” resérvase o dereito de publicar os relatos presentados ao certame en calquera soporte ou plataforma, tanto propia como allea, con carácter indefinido sempre, e exclusivamente, que non exista un interese lucrativo nin unha distribución mediante prezo e indicando a autoría dos textos. Os autores premiados poderán publicalos sempre que fagan referencia ao premio ou mención obtido no certame.

ENTREGA DOS PREMIOS

A entrega dos premios e diplomas ás persoas gañadoras terá lugar nun acto de carácter público. A organización do certame non realizará envíos dos galardóns.

OUTRAS OBSERVACIÓNS

O feito de concursar supón a aceptación das presentes bases e serán excluídos e descualificados os concursantes que non se axusten ou incorran nunha conduta fraudulenta respecto das condicións e bases aquí expostas.

No presente certame, a Asociación de veciños “Os nosos lares” de Palavea (C.I.F. G-15040918) e calquera outra entidade colaboradora ligada a esta iniciativa quedan exoneradas de toda responsabilidade que puidera derivarse de calquera circunstancia imputable a terceiros e que puidera afectar ao desenvolvemento do certame.

No mesmo sentido, as ditas entidades non serán en ningún caso responsables de calquera dano, de calquera natureza, directos, indirectos e/o circunstanciais, xa sexan inmediatos ou diferidos, que puideran aparecer con ocasión ou como consecuencia do goce do premio.

TRATAMENTO DOS DATOS PERSOAIS

En cumprimento do previsto na Lei Orgánica 15/1999, de 13 de decembro, de Protección de Datos de Carácter Persoal (LOPD) e o Real Decreto 1720/2007, de 21 de decembro, polo que se aproba o Regulamento de desenvolvemento da LOPD, a Asociación de veciños “Os nosos lares” de Palavea tratará os datos das persoas participantes coa única finalidade de resolver o certame e contactar coas persoas gañadoras. En ningún momento se empregará esta información para ulteriores promocións.