EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

A chegada do coronavirus ao Estado Español e a súa rápida propagación provocou unha emerxencia sanitaria que fixo que o Consello de Ministros, o 14 de marzo de 2020, acordase decretar o estado de alarma en todo o territorio, estendéndose até a actualidade en diferentes prórrogas do Congreso dos Deputados.

Desde entón, a vida de todos os cidadáns ten cambiado de forma drástica, pero sen dúbida, o impacto máis grave desta emerxencia sanitaria son as persoas falecidas: máis de 26.000 en todo o Estado.

As cifras encerran tras de si historias tráxicas de profunda dor persoal, unha dor que ten sido máis desgarradora ainda nas circunstancias actuais por non ter podido despedir aos seus seres queridos desde a proximidade.

Nunha situación de extrema dureza a resposta da cidadanía foi exemplar, a responsabilidade e a solidariedade foron continuas, desde as doazóns de empresas e cidadáns ata o compromiso dos voluntarios que colaboran coas administracións en axudar a quen máis o necesita, pasando polos artistas que encheron as redes sociais de cultura para facer máis ameno o confinamento.

Esta difícil situación nos puxo a proba a todos, pero especialmente aos sanitarios, que con enorme entrega estiveron en primeira liña loitando contra o virus. Son merecedores da admiración e o respecto de todos, e así llo demostramos a diario. E tamén debemos lembrar a dedicación dos profesionais que garantiron co seu traballo a prestación dos servizos esenciais, como o persoal dos centros asistenciais, os traballadores da alimentación e o transporte, o persoal de limpeza…e tantos outros, sen esquecer, o recoñecemento aos axentes de forzas  e corpos de seguridade do Estado por conseguir que todo transcurrise de xeito que a nosa seguridade estivese garantida, e sempre dispostos a axudar en calquera circunstancia.

Grazas a todos eles e á responsabilidade dos cidadáns está a conseguirse frear a expansión, pero aínda queda moito que facer, porque as consecuencias da pandemia prolongaranse no tempo.

Debemos seguir traballando para garantir a saúde e tamén para mitigar as consecuencias sociais e económicas desta crise, que se comezan a sentir con intensidade. Contribuír desde as nosas posibilidades coa recuperación da economía máis próxima, da actividade nos nosos barrios, para colaborar así cos autónomos e emprendedores no mantemento dos postos de traballo, requerindo das administracións con competencias e recursos que fagan todo o esforzo para sair de forma xusta desta situación.

Ven un período de dificultades, quedan meses duros por diante, mais a sociedade esta a dar o mellor de si mesma ante os enormes retos que se avecinan.

Por todo isto, o Pleno da Corporación Municipal da Coruña procede a aprobar a seguinte

DECLARACIÓN INSTITUCIONAL

1. O Concello da Coruña amosa as súas condolencias polas vítimas mortais provocadas polo Covid-19, sumándose a cantos recoñecementos e homenaxes se desenvolvan no seu recordo.

2. O Concello da Coruña se suma ao recoñecemento e gratitude de toda a sociedade ao labor do persoal sanitario pola súa profesionalidade e entrega ante a situación provocada pola pandemia do Covid-19. Ao mesmo tempo, facemos extensible o agradecemento a todos os traballadores e traballadoras dedicados aos coidados, aos servizos esenciais, á seguridade e á protección civil, que garantiron o funcionamento da cidade e o acompañamento aos máis vulnerables nunhas condicións especialmente difíciles.

3. O Concello da Coruña fai extensivo o agradecemento á cidadanía pola súa colaboración coas medidas adoptadas para frear a pandemia, e amplía o recoñecemento institucional ás empresas, entidades, asociacións e voluntarios, pola súa encomiable aportación na loita contra a pandemia.

4. O Concello da Coruña expresa o seu firme compromiso para reactivar económicamente a nosa cidade desde a cohesión social e a sustentabilidade ambiental, con especial énfase nos sectores máis afectados por esta crise, na convicción de contribuir como motor económico á recuperación económica de Galicia.