O Concello da Coruña, a través da Concellería de Igualdade, Benestar Social e Participación, pon en marcha a Escola de Participación 2020, nun ano especialmente marcado pola crise sanitaria da Covid-19. O programa é un espazo de formación e aprendizaxe dirixido ao tecido asociativo da cidade, aos colectivos que traballan no ámbito social e de fomento da participación e á cidadanía en xeral, sempre con carácter gratuíto.

A escola, como unha ferramenta máis ao servizo da participación cidadá, este ano terá en conta máis que nunca o voluntariado como un mecanismo habitual de promoción da participación da cidadanía na vida pública. Deste xeito, deseñouse un programa formativo específico, adaptado ás circunstancias especiais que estamos vivindo, e tendo en conta as prioridades da veciñanza. A formación que se impartirá entra no ámbito da pandemia orixinada pola Covid-19 e ofrece as ferramentas esenciais para que o tecido asociativo e a cidadanía tomen todas as medidas necesarias para a prevención de contaxios e para que aquelas persoas que traballan en ámbitos especialmente sensibles, como as e os voluntarios, teñan formación precisa para a súa protección individual no desenvolvemento do seu labor.

Impartiranse, sempre de balde, 20 cursos presenciais de 2 horas de duración sobre medidas preventivas e de protección persoal, que abordarán, desde a identificación dos síntomas da enfermidade, até as medidas persoais de prevención e protección individual, ou a utilización correcta dos equipos de protección (EPI).

Como complemento, e de forma paralela, a escola ofrece dous cursos en liña de 20 horas de duración sobre primeiros auxilios básicos, en que poden participar un máximo de 60 persoas (30 en cada curso). Esta formación a distancia, tamén gratuíta, conta cun monitor/a dispoñible para resolver dúbidas e aborda as técnicas esenciais de primeiros auxilios, desde a reanimación cardiopulmonar (RCP) até como mover correctamente a unha persoa ferida ou enferma.

As persoas interesadas poden consultar máis información na web municipal https://www.coruna.gal/participacion/gl/asociacion-remac/escola-de-participacion-2020/suceso/1453746197260