A Coruña, 12 de maio de 2020

 

A Federación de Asociacións Veciñais de A Coruña e Área Metropolitana fai un chamamento á responsabilidade, tanto por parte da cidadanía, coma daqueles establecementos empresariais que teñen permitida a súa apertura nesta denominada “Fase 1 da desescalada”.

Malia que a meirande parte da poboación e dos establecementos cumpre rigorosamente coas medidas hixiénico-sanitarias decretadas polas autoridades sanitarias para loitar contra os contaxios do Covid-19, tamén é certo que están a observarse condutas irresponsables que poderían obrigarnos a toda a cidadanía, tanto ás persoas que cumpren coas normas establecidas como a aquelas que non o fan, a volver a adoptar medidas de confinamento para evitar un rebrote e expansión desta pandemia.

Á Federación están a transmitírselle queixas sobre estes comportamentos irresponsables que poden ser tan prexudiciais para a nosa saúde, a saber:

  • Persoas que non gardan o necesario distanciamento físico nas súas actividades: paseos, práctica de deportes, terrazas de locais de hostalería ateigadas,…
  • Condutas antihixiénicas: persoas que cuspen no chan, tirada de refugallos na rúa ó deixar de utilizalos (guantes, mascaras hixiénicas,…), non recollida dos excrementos das mascotas,…

Mención especial merecen as queixas transmitidas por algunhas Asociacións Veciñais e por cidadáns a título particular, sobre o funcionamento das terrazas dos locais de hostalaría, que xa teñen permitida a súa apertura. A pesares de que se permitiu unha ampliación do espazo público que poden ocupar estas terrazas, non debemos esquecer que estas só poden estar ocupadas no 50% do seu aforo, garantindo en todo momento as medidas hixiénico-sanitarias e o distanciamento físico. Mais onte observouse que non se cumpriron estas normas na meirande parte das terrazas, con todas as consecuencias sanitarias que isto supón.

Entendemos que a hostalaría necesita realizar a súa actividade e que a cidadanía, tralo tempo de confinamento ó que se viu obrigada, tamén precisa retomar a súa vida social. Pero isto non debe prexudicar ó resto da poboación, pois o incumprimento de normas pode supor un problema grave de saúde.

O Concello da Coruña ten publicada unha Instrución coas medidas que deben cumprir os locais de hostalaría. E dende a Federación de Asociacións Veciñais de A Coruña e Área Metropolitana, ESIXIMOS o cumprimento de tódalas normas, tanto por parte dos locais de hostalaría coma da cidadanía, así como a actuación por parte das autoridades pertinentes nos casos de incumprimento das mesmas. Ademais, cómpre que se poña en marcha canto antes unha campaña informativa para a cidadanía en xeral, tanto indicando as normas a cumprir, coma as rúas e condicións nas que se poden ampliar o espazo das terrazas.

 

Asdo.: A Xunta Directiva