O Pleno do Concello da Coruña aprobou esta mañá a Ordenanza para o uso da lingua galega, na que se promove o seu emprego en todas as accións e actuacións, na documentación, na comunicación social e nas relacións coa cidadanía e con todas as entidades situadas en Galicia. A Coruña é a última das cidades galegas en incorporar ao seu corpus normativo a dita ordenanza, que supón cumprir a Lei de uso do galego nas administracións locais, de 1988, así como a Lei de normalización lingüística, de 1983, e mesmo o Estatuto de autonomía.

O documento aprobado hoxe de maneira inicial recolle que a veciñanza poderá elixir entre o galego ou o castelán para se dirixir a calquera unidade administrativa local e terá dereito tamén a ser atendida e a obter ou recibir a documentación e as notificacións municipais na lingua que escolla. Será por defecto a galega a que empregue a Administración local e será a galega a lingua empregada nas comunicacións internas, na cartelaría e na proxección pública. O Concello da Coruña e os organismos que dependen del -entes asociados, padroados, organismos autónomos, sociedades, fundacións, centros de formación, museos, arquivos, Bibliotecas Municipais e Escolas Infantís Municipais- rexeranse por esta ordenanza co fin de impulsaren a utilización do idioma.

O voceiro do Goberno local encomiou o labor desenvolto polo persoal traballador do Servizo de Normalización Lingüística (SNL), servizo que a ordenanza se compromete a dotar dos recursos económicos, materiais e humanos precisos co obxecto de impulsar a normalización da lingua, procurar o incremento do seu uso e prestixiar o idioma galego no ámbito municipal.