o Concello da Coruña pon de novo en marcha o programa de Orzamentos Participativos. A través desta ferramenta, a cidadanía da Coruña pode escoller a que destinar 2,5 millóns de euros do orzamento municipal de 2022.

Neste programa de participación, a cidadanía propón proxectos de investimento que son preseleccionados nunha fase de apoios, logo son avaliados polo persoal técnico do concello e, finalmente, chegan a unha fase de votación final. Os proxectos máis votados pola cidadanía pasan a formar parte do proxecto inicial do orzamento xeral do ano seguinte.

Hoxe luns 20 de setembro ábrese a primeira fase (ata o 4 de outubro) polo que, a partir das 9:00 da mañá xa pódense facer propostas de investimentos.

Todas as persoas empadroadas na Coruña e maiores de 16 anos poden propoñer, apoiar e votar propostas de investimento.

A participación pode facerse de varias maneiras:

1. Na plataforma de participación nacorunacontas.coruna.gal, sendo necesaria a verificación dunha conta de persoa usuaria, ainda que, se xa participou nos Orzamentos Participativos anteriormente, a conta de persoa usuaria permanece activa. Para solucionar problemas de acceso pódese chamar ao 010.

2. De xeito presencial nos rexistros municipais, nas oficinas de María Pita, Ágora e Fórum. Para a presentación de propostas deberase completar un formulario específico que enviamos xunto a este correo e pódese atopar tamén de maneira física nas oficinas de rexistro ou pedilo nos puntos de apoio.
Para acudir de maneira presencial ás oficinas de rexistro municipal é preciso solicitar cita previa a través do teléfono de atención cidadá 010 ou a través da páxina web do Concello da Coruña, sempre indicando expresamente que a cita é para a participación presencial no Programa de Orzamentos Participativos.

Ademais, estará dispoñible un servizo de axuda persoal nos puntos de apoio presencial: os Centros Cívicos Municipais, as Bibliotecas Municipais da Coruña, a rede de espazos de información xuvenil e a Federación de Asociacións de Veciños de A Coruña e Área Metropolitana.


Co obxecto de que as asociacións da cidade teñades unha información máis ampla sobre este programa e un espazo propio para preguntar dúbidas, temos programado un encontro de presentación dos Orzamentos Participativos 2021, que terá lugar hoxe luns, día 20 de setembro, ás 17:30 h, no Ágora (aula 9).

Este encontro está dirixido a asociacións inscritas no Rexistro Municipal de Asociacións da Coruña. Nel informarase polo miúdo sobre as posibilidades que ofrece este programa ás entidades, en función do ámbito de actuación; as fases das que se compón, os puntos de apoio presencial, eventos de rúa e outra información relevante. Tamén se informará sobre o acceso á plataforma dixital, así como os requisitos que deben cumprir as propostas para ser consideradas viables.

Asemade, as entidades asociativas terán a posibilidade de organizar encontros específicos presenciais enfocados a aqueles sectores da poboación que máis o precisan. Un equipo técnico organizará o encontro e facilitará os recursos precisos para a súa celebración. Se desexades ser unha das entidades beneficiarias destas accións, podedes solicitalo por correo electrónico a participacion@coruna.gal.