Este ano o Concello da Coruña pon en marcha a sexta edición do programa de Orzamentos Participativos. A través desta ferramenta, a cidadanía da Coruña pode escoller a que destinar 2,5 millóns de euros do orzamento municipal de 2023.

Como xa sabedes, a cidadanía propón proxectos de investimento que son preseleccionados nunha fase de apoios, logo son avaliados polo persoal técnico do concello e, finalmente, chegan a unha fase de votación final. As propostas máis votadas pasan a formar parte do proxecto inicial do orzamento xeral do ano seguinte.

Hoxe luns 12 de setembro ábrese a primeira fase polo que, a partir das 9:00 da mañá xa pódense facer propostas de investimentos. Todas as persoas empadroadas na Coruña e maiores de 16 anos poden propoñer, apoiar e votar propostas de investimento.

Do mesmo xeito que o ano pasado, a participación pode facerse de varias maneiras:

1. Na plataforma de participación https://nacorunacontas.coruna.gal/, sendo necesaria a verificación dunha conta de persoa usuaria, ainda que, se xa participou nos Orzamentos Participativos anteriormente, a conta de persoa usuaria permanece activa. Para solucionar problemas de acceso ou incidencias pódese chamar ao 010.

2. De xeito presencial nos rexistros municipais, nas oficinas de María Pita, Ágora e Fórum. Para a presentación de propostas deberase completar un formulario específico que pódese atopar tamén de maneira física nas oficinas de rexistro ou pedilo nos puntos de apoio.
Para acudir de maneira presencial ás oficinas de rexistro municipal é preciso solicitar cita previa a través do teléfono de atención cidadá 010 ou a través da páxina web do Concello da Coruña, sempre indicando expresamente que a cita é para a participación presencial no Programa de Orzamentos Participativos.

Ademais, estará dispoñible un servizo de axuda persoal nos puntos de apoio presencial: os Centros Cívicos Municipais, as Bibliotecas Municipais da Coruña, a rede de espazos de información xuvenil e a Federación de Asociacións de Veciños de A Coruña e Área Metropolitana.