Documento presentado por rexistro referido ó peche de oficinas bancarias e o cobro de comisións abusivas, dirixido a:

– Presidente do Goberno de España

– Delegado do Goberno de España en Galicia

– Presidente da Xunta de Galicia

– Alcaldesa da Coruña

A Federación de Asociacións Veciñais da Coruña e Área Metropolitana, a Federación de Unión de Comercios Coruñesa FUCC e as Asociacións de Veciños e as Asociacións de Comerciantes que máis abaixo se apuntan desexan manifestar o que segue:

Que, desde hai meses, vimos observando que está a ter lugar o peche de sucursais bancarias, pertencentes a diferentes bancos, en distintos barrios da cidade da Coruña.

Que estes feitos se agudizaron por mor da crise provocada polo Covid-19 de maneira que entidades bancarias, pechadas durante o estado de alarma, xa non volveron a abrir unha vez superado o mesmo.

Que a eliminación das citadas sucursais bancarias trae consigo as seguintes consecuencias:

1) Deixa en situación de indefensión a todas aquelas persoas que non realizan habitualmente os trámites bancarios a través de internet, xa sexa por non dispor dos medios informáticos para iso ou por non coñecer o uso dos mesmos. Convén sinalar que esta situación aínda é máis grave no caso das persoas maiores, con diversidade funcional ou con escasos recursos.

2) Ao eliminar sucursais, todas aquelas persoas que non dispoñen dos recursos para realizar trámites bancarios a través de internet, vense obrigadas a trasladarse a aquelas sucursais que permanecen abertas, ocasionando isto uns desprazamentos, en ocasións sen condicións de accesibilidade, que poden resultar imposibles para persoas maiores, con diversidade funcional ou con escasos recursos.

3) Que a redución de oficinas bancarias leva aparellada unha peor atención aos clientes ao aumentar o número de persoas a cubrir, por cada unha das sucursais que quedan.

4) Que os devanditos peches de oficinas bancarias terminarán afectando o volume de persoal das entidades bancarias, o que provocará un incremento do paro.

5) Que o peche de sucursais estrangula ao pequeno comercio dos barrios provocándolles unha situación moi complexa ao ver moi dificultada a súa necesaria obtención de cambio monetario e, ademais, deberá dedicar moito máis tempo para levar a cabo as súas imprescindibles xestións bancarias, o que resultará imposible para moitos deles ao coincidir o seu horario de apertura co da sucursal bancaria.

A maiores, aínda tendo menos servizos bancarios polo peche de sucursais, as entidades bancarias teñen realizado unha subida nas comisións bancarias dunha maneira que consideramos inasumible, sobre todo nestes tempos de crises e de aumento da desigualdade social.

Que consideramos que estas decisións das entidades bancarias son absolutamente inaceptables, non só pola eliminación dos servizos bancarios que consideramos están obrigados a prestar, senón porque as entidades bancarias foron salvadas con fondos públicos, diñeiro de toda a cidadanía, e adxudicados en moitos casos a entidades privadas a prezo de saldo.

Por todo iso, entendemos imprescindible unha intervención das institucións públicas que impida que as entidades bancarias continúen coa súa política de redución dos servizos bancarios á cidadanía e ao pequeno comercio.

Ademais, atendendo ao rescate efectuado no seu momento ás entidades bancarias con diñeiro público, pensamos que é urxente que as institucións públicas adopten as medidas necesarias para que as comisión bancarias abusivas que xa foron cobradas este ano sexan devoltas ás persoas e entidades interesadas, e que se eliminen os importes destas comisións no futuro.

 

ENTIDADES QUE APOIAN ESTE TEXTO

– Federación de Asociacións Veciñais de A Coruña e Área Metropolitana

– Federación de Unión de Comercios Coruñesa (FUCC)

– Asociación de Veciños do Castrillón – Urbanización Soto “Iar”

– Asociación de Veciños “A Barcarola” de Catro Camiños

– Asociación de Veciños Entre Rondas

– Asociación de Veciños “Os Anxos” de San Cristóbal das Viñas

– Asociación de Veciños “Os Nosos Lares” de Palavea

– Asociación de Veciños San Diego – Os Castros

– Asociación de Veciños Oza – Gaiteira – Os Castros

– Asociación de Veciños Atochas – Monte Alto – A Torre

– Asociación de Veciños “As Xunqueiras” de Mesoiro – Vío

– Asociación de Veciños do Ventorrillo

– Asociación de Veciños Monelos – Fonte das Paxarelas

– Unión de Comercio do Castrillón, Eirís e Monelos (ACOCEM)

– A.VV. “As Revoltas” de A Zapateira