O día 13 de febreiro, ás 19.30 horas, tivo lugar no Salón de Sesións do Pazo Municipal de María Pita a presentación das Naves do Metrosidero.

As Naves do Metrosidero son o primeiro equipamento público da Coruña para a mocidade. Trátase dun proxecto deseñado de forma colectiva coa xuventude, as entidades xuvenís e os centros educativos. As Naves do Metrosidero serán unha equipación pública e cidadá, un espazo plural, diverso e inclusivo para a mocidade da Coruña.

O plan de usos das Naves do Metrosidero contempla a posibilidade de que os centros educativos da cidade poidan utilizar algún dos recintos rehabilitados en horario de mañá, mentres que polas tardes estarán reservados ó uso programado e libre da mocidade. Deste xeito, os colexios poderían suplir algunhas carencias nas súas instalacións mediante a utilización deste equipamento público.

O proxecto de uso e xestión das Naves do Metrosidero é o resultado de oito meses de encontros nos que, ademais de tratar con entidades, colexios ou asociacións, puideron tamén acudir libremente as persoas interesadas en decidir o contido dos edificios que compoñían a antiga Comandancia de Obras.