O Concello da Coruña impulsa a realización de dous cursos de teleformación, dirixidos ás persoas socias e asalariadas de cooperativas, ás que están interesadas no emprendemento cooperativo ou teñen unha idea de negocio, así como ao público en xeral. O primeiro deles, “A Coruña emprende en cooperativa”, terá lugar do 9 ao 25 de novembro, e o segundo, “Da idea á cooperativa. A Coruña emprende”, está programado do 1 ao 18 de decembro. Ambas as opcións enmárcanse dentro do convenio de colaboración entre o concello e a unión de cooperativas EspazoCoop para desenvolver a iniciativa “Emprendemento e divulgación da economía social”, conformada por accións que buscan apoiar o cooperativismo na cidade.

En “Da idea á cooperativa”, que ten como prioridade formar a persoas desempregadas, as e os participantes achegaranse ao modelo cooperativo para lles mostrar as condicións e os pasos que hai que dar necesarios no caso de emprenderen baixo esta fórmula. Ademais, coñecerán o valor que na actualidade teñen as cooperativas e as achegas sociais e económicas que propician con exemplos in situ de cooperativistas en activo, que lles falarán das súas experiencias.

No curso de decembro, daráselles premisas sobre o que deben ter en conta para levar adiante un proxecto cooperativo viable. Tamén elaborarán conxuntamente un prototipo, e, por último, avaliarán os requisitos e compromisos como grupo promotor, as tarefas que van desenvolver e fixarán un calendario de actuacións.

Deste xeito, concello e EspazoCoop pretenden mellorar a capacidade de resistencia das cooperativas e que poidan superar os impactos e as consecuencias derivadas da crise da Covid-19. Entre os obxectivos está o de acompañar os grupos promotores e que sobrevivan co tempo, dando a coñecer os modelos de empresas de Economía Social e o das cooperativas en particular como fórmula de creación de emprego. Ambas as institucións comprométense a informar sobre as posibilidades e produtos que se ofrecen desde as entidades de Banca Ética e da Economía Social para o financiamento de proxectos.

O programa “Emprendemento e divulgación da economía social” conta con tres liñas de intervención, que comezan co apoio no reinicio de actividades, e que inclúen o asesoramento e acompañamento, tanto a cooperativas en marcha como a grupos de persoas promotoras para agruparen servizos, recursos e investimentos. Ofrécese ademais un asesoramento especializado na área de financiamento, con foco na banca ética e de base cooperativa, para entidades de economía social e solidaria e por último, dáselles unha teleformación. Para máis información, as persoas interesadas poden consultar máis polo miúdo os contidos destes cursos a través desta ligazón https://espazo.coop/novas-do-coperativismo/economia-social-a-coruna-2020/.