Como en anos anteriores, o Concello da Coruña sumase á celebración da Semana Europea da Mobilidade, que ten lugar entre os días 16 e 22 de setembro, a través da programación de diversas actividades relacionadas coa mobilidade sostible, saudable e conectada.

As diferentes medidas adoptadas en materia de mobilidade sostible durante o presente mandato municipal amosan o claro compromiso coa mesma por parte deste Goberno municipal presidido pola nosa alcaldesa, Inés Rey.

Por iso, ademais de implicar aos diferentes servizos municipais na programación deseñada, convidamos tamén a colaborar nas diversas actividades a entidades e axentes sociais como Mobi-liza, Stop Accidentes, Asociación Coruñesa de Usuarios de Vehículos de Mobilidade Persoal (VMP), Galicia Rollers, Compañía de Tranvías, Decathlon, o Centro de Tecnificación do Automóbil de Galicia (CTAG) e a Dirección Xeral de Tráfico, entre outros.

Durante todos estes días instalaranse na zona do Obelisco diversas carpas coas últimas innovacións en materia de xestión automatizada da mobilidade e no control da calidade medioambiental.

As bicicletas tamén estarán presentes en varias das actividades organizadas no marco da Semana Europea da Mobilidade. Así,  venres 16 ás 21.30 h, terá lugar a tradicional Friday Mobility Night, cun recorrido pola cidade, que poderá realizarse non só en bicicleta, senón tamén en patinete ou VMP. Os detalles desta iniciativa poden consultarse na seguinte ligazón: https://bit.ly/3xit5gH

Por outra banda, as bicicletas antigas terán ocasión de saír á rúa o sábado 17 pola mañá, da man de Mobi-liza. Por último, a celebración do Día da Bicicleta resérvase para o domingo 18, onde todas aquelas persoas que se queiran inscribir poderán participar nun percorrido que partirá da praza de María Pita, ás 10:00 horas. A información máis detallada desta última actividade pode consultarse neste enderezo: https://bit.ly/3xpxyOK

Tamén haberá marchas ciclistas e a pé con escolares, organizadas pola Policía Local e por Stop Accidentes.

O III Foro da Mesa da Mobilidade levarase a cabo o martes 20 de setembro na Domus, baixo o lema “Os protagonistas da mobilidade coruñesa”, un encontro no que intervirán voces expertas e no que vos invitamos a participar como ouvintes. Para iso, tedes que anotarvos mediante o envío dunha mensaxe ao enderezo electrónico comisionadomobilidade@coruna.gal.

Por outro lado, o xoves 22 pola tarde, como todos os anos, e para clausurar a programación desta semana, celebrarase o Día sen coches, para o cal se pechará ao tráfico a rúa San Andrés, na que o espazo ocupado habitualmente polos automóbiles pasará a estar dedicado a actividades deportivas, culturais e festivas.